jueves, 21 de diciembre de 2023

2ª xuntanza dos clubs de lectura polo Nadal

 Aproveitando as vacacións de Nadal e o tempo de lecer que terá o alumnado, as distintas coordinadoras dos clubs foron reuníndoos na última semana de clases para recoller as impresións das primeiras lecturas e ofrecer os novos títulos que comentarán á volta.

Lidia, a coordinadora do club de lectura de 1º da ESO, xuntouse co seu alumnado na Biblioteca e alí fíxolles entrega duns agasallos moi especiais. Cada un dos membros do club tiña un paquete onde dentro se atopaba un libro personalizado, escollido entre os distintos exemplares dos que dispón a biblioteca do centro e atendendo á enquisa que cubriran ao comezo sobre os seus gustos lectores.

Quedaron encantados cos seus agasallos lectores, escollidos por Lidia con todo o cariño. 





A coordinadora do club de 2º da ESO, Raquel, tamén recolleu as impresións sobre os exemplares de "Sonríe" e aproveitou para entregarlle ao seu alumnado o novo exemplar: a obra "Invisible" de Eloy Moreno que eles e elas escolleran previamente por votación entre distintas escollas. 



Ana Cruz, coordinadora do club de lectura de 3º da ESO, reuniuse co seu alumnado para valorar como levaban a lectura de "Nací para esto" e, vendo que moitos e moitas aínda non foran quen de rematalo, decidiron volver a verse no 2024 para comentalo unha vez que o finalizasen nas vacacións do Nadal. 

Aproveitou a xuntanza e as datas para convidalos a un biscoito que agradeceron enormemente.



Por último, a coordinadora do club de lectura de 4º da ESO, Susana, reuniuse co alumado do seu club para comentar a obra "Habitación 202" e entregar a nova lectura: a novela negra xuvenil "A malferida". 

Acolleron esta obra con moito interese por engancharse a esta historia a quen a sinopse non deixa indiferente.



Todos os clubs de lectura quedaron en ler os exemplares que se lles ofreceron e en verse a comezos do ano que vén con toda a ilusión e ganas por descubrir as novas historias que os están agardando!


miércoles, 20 de diciembre de 2023

Visita do alumnado do club á exposición de Castelao!

 O alumnado dos distintos clubs de lectura do instituto acudiu ata o Auditorio Municipal de Vilanova para coñecer máis a fondo a figura dun dos autores máis importantes da cultura galega do século XX: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. 



Aínda que moitos deles e delas non coñecían nada desta figura tan emblemática da tradición cultural galega aproveitaron a ocasión para aprender algúns datos que lles contou a profe de lingua galega, e coordinadora do club, Raquel.



Despois, visitaron libremente a exposición e foron fixándose nalgúns dos aspectos máis característicos do estilo artístico de Castelao.








lunes, 18 de diciembre de 2023

2ª xuntanza do "Apadriñamento lector" en Nadal!

 A segunda das xuntanzas do proxecto intercentros do "Apadriñamento lector" tivo lugar na escola de Aralde, tal e como quedaramos no Magosto.

Ata alí desprazouse o noso alumnado para contarlles dous contos aos nenos e nenas. 



As obras escollidas foron "Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis" e "A que sabe a lúa?".

Para preparar a contada tiveron un obradoiro impartido por Noemí González, mestra nunha Casa Niño (A Raíz, en Xunqueira de Espadañedo), quen se prestou a vir ao noso centro para explicarnos as singularidades das contadas para nenos. 



Con ela, o noso alumnado aprendeu moitísimas técnicas que despois, nos ensaios, puxeron en práctica para que o día da visita a Aralde lles saíse todo o mellor posible. 

O noso alumnado desfrutou moito levando a cabo esta actividade, mais cremos que os nenos e nenas do cole tamén o fixeron como público. 






Despois da contada dos maiores, os pequenos e pequenas sorprenderon ao noso alumnado tamén cunha contada, axudados pola súa profe, e acabaron a xornada xogando no parque e desfrutando deste fermoso vínculo que se está a crear entre eles e elas. 


Coma sempre, despedíronse con moito pesar, pero coa esperanza de seguir realizando actividades para un dos proxectos máis bonitos que se fixeron no centro.



lunes, 27 de noviembre de 2023

Novembro é o mes da ciencia en galego!

 O club de lectura de 1º da ESO tivo unha sesión do club moi especial.

Como estaban a ler o libro "A proba de auga" aproveitaron para que Nadia, profe de Bioloxía do centro e coordinadora do club de lectura de adultos, lles explicase algunhas cuestións científicas que se tratan na obra para axudalos a entender mellor toda a complexidade que un libro aparentemente sinxelo podía ter.



 

En coordinación coa Biblioteca e o Equipo de Normalización Lingüística foi un bo xeito de celebrar que novembro é o mes no que se conmemora o uso do galego nas ciencias. 




viernes, 10 de noviembre de 2023

1ª Reunión do Club de Lectura de 4º da ESO con Susana

 A primeira reunión do club de lectura de 4º da ESO coa súa coordinadora Susana realizouse na biblioteca do centro.




A lectura escollida para iniciar a nova andaina literaria foi a obra "Habitación 202" de Concha Blanco.


Quedaron en verse nunhas semanas para compartir impresións sobre este libro de relatos. 
E tamén aproveitaron a xuntanza para falar de gustos lectores e ir escollendo cal será o seguinte libro.




 


1ª xuntanza do "Apadriñamento lector" polo Magosto!

Coincidindo coa celebración do Magosto no IES Faro das Lúas levamos a cabo a primeira das xuntanzas do proxecto intercentros do "Apadriñamento lector". 

O noso alumnado participante no proxecto, xunto con outro alumnado do EDLG, axudou a preparar unha xornada inesquecible para os nenos e nenas do cole de Aralde. 

Invitáronos a unha merenda e elaboraron un circuito de xogos tradicionais para que puidesen xogar cos seus padriños e madriñas e se divertisen coa experiencia. 






O encontro entre os padriños e madriñas e os seus afillados/as foi moi emotivo. 



Desde o primeiro momento creáronse uns vínculos moi especiais entre cada parella.

A partir dese primeiro encontro pasaron un par de horas xuntos, onde o noso alumnado fixo de guía ensinándolles o centro, explicándolles como se xogaba a cada un dos xogos e merendando e coñecéndose mutuamente.




Custou que se despediran, pero fixérono coa promesa de que o noso alumnado acudiría en Nadal a súa escola para coñecela e contarlles uns contos! Xa o están desexando!


lunes, 6 de noviembre de 2023

1ª Reunión do Club de Lectura de 3º da ESO con Ana Cruz

 A primeira das xuntanzas do club de lectura de 3º da ESO coa súa coordinadora Ana Cruz non puido ser máis especial!

A coordinadora levou ao seu grupo ata a librería local Nobel Vilanova para que eles e elas escolleran por consenso, e atendendo ás recomendacións das libreiras, cal sería a lectura coa que empezarían a súa andaina neste curso 23/24. 

Finalmente, a escollida foi "Nací para esto" de Alice Oseman, unha autora moi querida e lida entre o noso alumnado por ser a creadora do éxito "Heartstopper".

Na ligazón de abaixo podedes ver un vídeo resumo desta interesantísima actividade: 

Visita do club de lectura de 3º á Librería Nobel